![]() |
Deseño: Fiera Gráfica |
“Se temos a fortuna de ser impelidos por vento favorable,
arribaremos pronto á illa e levaremos o máis fabuloso dos tesouros.”
A Illa do Tesouro, Robert Louis Stevenson.
No
momento de comezar a redactar estas liñas que serven para abrir una nova
entrada no que é o caderno de bitácora que
recolle e documenta a produción de banda deseñada dos/as autores e autoras
galegos/as ao longo de cada ano, cómpre exercitar a memoria e repasar o
percorrido anterior desta travesía.
A
Coruña é un porto cunha longa historia mariñeira ateigada de múltiples
episodios: batallas navais, naufraxios desastrosos ou mesmo lendas mitolóxicas
coma a de Hércules que da nome ao faro que é símbolo de Viñetas desde o
Atlántico. Precisamente no marco deste festival de historieta, dende o 2012 adica
un dos seus espazos expositivos a esta mostra colectiva que tenta ser o referente a
nivel galego para promocionar a todas e todos os que traballan
en novos proxectos que se están a dar dentro deste sector en Galicia.
Nesta edición co obxectivo de recoller a
gran cantidade de propostas diferentes e o importante volume editorial do país na
actualidade, decidiuse programar a exposición noutras datas.
Ata agora, encargábase deste labor, dun xeito impecable, Bernal
Prieto pero debido ao nacemento da súa
filla Olivia (Si, bautizada como a noiva do famoso mariñeiro de tebeo) quedou
sen tempo para atender a coordinación deste evento. Agradézolle moito que confiara en min e me
recomendara para sustituilo aínda que, a pesares de deixar trazado o rumbo a
seguir, vai ser complicado levar o timón con tanta competencia coma a que el exhibiu.
O
máis importante para iniciar a nosa singradura é contar cunha boa tripulación,
afortunadamente non hai problema ningún con este asunto: o número de autores e
autoras que se adican á creación de historietas non deixa de aumentar,
continúan en activo debuxantes cunha ampla traxectoria e ademáis o relevo
xeracional está garantido coa aparición de novos valores que veñen a refrescar
o panorama. Isto non é falar por falar, é algo salientable en todos os foros
especializados e que calquera pode comprobar con tan só visitar algunha das
librarías especializadas das principais vilas. Con todos estes argumentos, é lóxico
que dende a Concellería de Cultura da Coruña quixeran darlle a este panorama
una entidade propia que sirva para visibilizar toda esta efervescencia.
Se
cadra, pode ser una afirmación repetida dabondo e que chega a semellar una
cantiga xa escoitada pero é de xustiza voltar a recitala. Vivimos un momento de
gran abundancia no caladoiro da BD, un aficionado con curiosidade e que teña interés é quen de atopar
“capturas” que o satisfagan. Así como
existen diferentes artes na pesca coma o palangre, o curricán, a nasa ou o
trasmallo, os debuxantes/as galegos/as traballan as súas historias cunha grande
diversidade. Podemos atopar dende relatos clásicos de xénero de terror ou
ciencia ficción en publicacións como Altar mutante e A Tumba do Terror de
Abraldes, humorismo gráfico de todo tipo e clase como o costumbrismo de Luis
Davila ou as viñetas deportivas de Pepe Mansilla, cómic infantil para iniciar
aos novos lectores como Curuxa de Fonso Barreiro ou Marcopola de Jacobo
Fernández ata as propostas máis vangardistas e rompedoras de Los Bravu e Andrés Magán por exemplo.
Aínda
que isto poidera semellar que se traduce nunha rede enmarañada indefinida, non
é certo e podemos salientar algunha das tendencias comúns que caracterizan aos
novos títulos que van aparecendo.
Primeiro
de todo, hai que destacar como medra cada ano o número de autoras respecto a
épocas pretéritas que se traduce en novos aires frescos que enchen con forza as
velas do noso navío. Un non sabe se a cousa é consecuencia de que cada vez hai
máis lectoras ou viceversa pero é indubidable que representa novos punto de
vista e temáticas inéditas ata agora. A chegada da sensibilidade feminina non é
un etiqueta que encorseta, senon unha identidade común en artistas de tan
diferente personalidade como Emma Rios, Xiomara Correa, Roberta Vázquez ou Pepa Prieto
Puy. Máis que unha moda, semella que chegará un momento no que esta novidade
non resulte estraña e a presenza da muller dentro da BD estea consolidada.
A
situación de precariedade e crise económica que se vive en todos os segmentos
da sociedade é algo que é case imposible de evadir, polo que é lóxico que
callara en páxinas de cómic. E este é un dos outros puntos que sobresaen á hora
de definir o momento contemporáneo que vive o cómic galego. A temática social gañou a partida aos relatos
románticos ou á épica dos heroes tradicionais, hoxe o público demanda historias
nas que vexa reflectidas as súas preocupacións cotiás. Así é como se explica
que aparezan traballos co talante reivindicativo de Presas Fáciles de
Miguelanxo Prado e Gran Hotel Abismo de David Rubín ou dramas históricos como
Aram, O Armenio de Abel Albes e Ojos Grises de Fernando Llor.
Non
se pode dicir que exista unha estética común entre os historietistas de Galicia
que os poida reunir baixo unha marca recoñecible similar ao que acontecía coa
escola francobelga ou a liña clara valenciana, mais si podemos falar dun relato
colectivo que se está a escribir con cada unha das novas obras que aparecen. Para iso é importante lembrar os episodios pasados,
polo que hai que celebrar a iniciativa BDG70 A Revolta do Comic Galego que
recupera pioneiros como Pepe Barro, Chichi Campos ou Reimundo Patiño. Unha
exposición que tivo lugar a finais de ano na Sala A Normal de A Coruña e que
xorde como resultado da tese doutoral de Xulio Carballo. Hai que celebrar que a
historieta acade atención en eidos
anteriormente “vetados” como a Universidade. Parece que a consideración desta
como unha arte menor vai desaparecendo e , pouco a pouco, valórase como unha
máis das belas artes.
Respecto
a este punto, é curioso que o primeiro estudo histórico sobre a BD galega desta
magnitude xurda no departamento da facultade de Filoloxía. Tradicionalmente os
autores iniciábanse no oficio de xeito autodidacta, a falta dunha oferta formativa
para a aprendizaxe desta disciplina, fai que apareza en Pontevedra O Garaxe
Hermético, a primeira escola profesional de BD dirixida por Kiko da Silva.
En
canto aos eventos relacionados coa BD a referencia máis poderosa segue a ser Viñetas desde
Atlántico, continúan o Salón de Cangas e o Boom Film&Comic e a cada ano que
pasa o calendario énchese de datas marcadas por pequenos festivais e xornadas
de autoedición onde se promocionan os novos valores: Autoban na Coruña, Fun Fun Fun en Santiago,
Salir del Ghetto en Vigo son citas imprescindibles para estar “enterado” e veñen a ofrecer un espazo adicado aos
fanzines, o cómic de autor e a pequenos selos como Foster Edicións ou
Fosfatina, precisamente esta editorial de Vigo actualmente é unha das que máis
destaca, tanto pola cantidade de títulos publicados como pola súa liña que
aposta pola vangarda. Baixo a súa marca reúnense os novos/as autore/as que
buscan solucións narrativas arriscadas e que sorprenden. Aínda que a súa
proposta é de vocación minoritaria, caracterízase tamén por buscar un público
internacional, ao que consegue chegar grazas a ter unha forte presenza en redes
sociais para promocionar o seu catálogo e distribúe os títulos por medio da
venta en liña.
Por
outra banda continúan editoriais como
Demo Editorial que cada tempada seguen a entregar títulos de calidade que veñen
a encher as bibliotecas dos amantes da narrativa gráfica. Hai que destacar
tamén as iniciativas de autoedición e os proxectos finanzados a través de crowfounding
e como fenómeno curioso as librarías que se lanzan á publicación: ∞-1 de
Xulia Pisón por Alita Comics, O Pictodiario de Óscar Urbano por Sindicato del
Cómic e Aleida, cidade sen alma de Victor Boullón por Libraria Komic.
Despois
do afundimento do suplemento infantil
Golfiño e as revistas Retranca e Oink!
semella que non hai una publicación regular que ofreza a oportunidade de
desenvolvemento profesional en Galicia. Acúsase a falta dunha industria sólida,
polo que a maioría dos autores/as que queren iniciar unha carreira profesional
optan pola “deslocalización” e emigran cara
mercados foráneos que lles ofrezan esa posibilidade.
Asombra
un contraste tan acusado entre os logros que vive a nivel artístico o cómic na
nosa terra e a falta de correspondencia por parte das grandes
editoriais ou o pouco apoio institucional. Se ben é certo que existen concursos
e certames que fomentan a creación, aí están o Premio Castelao, o Xuventude
Crea e o recente Virxinia Pereira. Tamén o é o feito da inexistencia dun marco
apropiado para o sector, sobre todo se o comparamos co que existe noutros territorios europeos.
E
así, co rumbo trazado e a tripulación enrolada neste buque, vai chegando o
momento de partir. Só nos falta por colgar a bandeira baixo a que navega a nosa
embarcación, e esa non podería ser outro
que a negra do cranio e as dúas tibias.
A
altura da marea é a apropiada e o vento sopra na dirección correcta. Soltade as
amarras, levad a áncora, izade as
velas…!!!
Sorprendentemente
o barco flota, estamos navegando.