20140812


Agosto en A Coruña sempre foi unha data que reservaba na miña axenda para disfrutar dos tebeos en Viñetas desde o Atlántico. Nesta ocasión a celebración da festa foi especialmente emotiva para min, ademais de presentar o álbum Nacho Camacho con guións de Rodrigo Cota, tiven a sorte de ser un dos convidados do festival.

Aínda que agardo con impaciencia que chegue este momento do ano, para min non é novidade visitar o salón para saudar aos amigos e compartir momentos con eles. Pero fíxome especial ilusión que me ofreceran a oportunidade dunha exposición cunha escolma das miñas páxinas. A oferta editorial é moi grande e ás veces libros como os meus pasan desapercibidos, formar parte de Viñetas é unha gran plataforma para visibilizar o meu traballo e achegalo a un público que non é o habitual.

Cando xa non quedan apenas publicacións que permitan o desenvolvemento profesional de autores e as propostas editoriais case que son unha anécdota testimonial, o festival dirixido por Miguelanxo Prado é unha cita imprescindible para a industria da banda deseñada en Galiza.

Mentres agardo pola próxima edición do Viñetas, lembrarei con agradecemento tódolos momentos compartidos con Javi e Manel na caseta de Demo, e aqueles que se achegaron por alá para que lles asinara algún dos meus álbumes, as conversas cós outros convidados, sentarme ao carón de Sento nas sesión de sinatura e gozar da súa maestría, os consellos e a xenerosidade de Marcos Martín, o interrogatorio de Melo e Carlos Portela, ás atencións dos voluntarios do Salón, atoparme de novo coa gran persoa humana que é Javi Rodríguez, descubrir o impresionante traballo de Oriol, ou calquera dos paseos por entre as casetas agardando atoparme con algún amigo.

Só me queda unha cousa da que me arrepinto de non facer, despois de ver a Charlie Adlard perseguido por moreas de xente para que lles debuxara un zombi. Non fun quen de pedirlle que me asinara un exemplar dos Walking Dead, pero para outra ocasión non se me escapa...