20130813


A semana pasada paseina en A Coruña, a cidade onde medrei e que alberga ó festival Viñetas dende o Atlántico, outro ano máis, os afeccionados a banda deseñada tivemos a oportunidade de reunírnos alá. O certo é que temos sorte de gozar desta plataforma na que amosar os traballos dos autores do país, como tamén achegarnos as edicións francesas, os debuxantes que traballan no mercado estadounidense ou mesmo a clásicos como Superlópez (impresionante a exposición adicada no concello).

Desta volta presentaba o meu último album OPERARIO para a editorial Demo, un pequeno libro cunha historia que levaba moito tempo querendo contar e que agardo que aterrorice ós seus lectores tanto coma a horrenda realidade que nos toca vivir. É unha ledicia compartir casa con autores como Brais, Manel, Manolo, Miguel, Inacio, Iván... e sentirse parte dun proxecto tan ilusionante como este.

Porque, anque como me comentaba un coñecido libreiro "o mundo do libro estase a desfacer a cachos", é incrible ver como os novos seguen a facer fanzines, xurden publicacións para os cativos como Oink (a revista do Xabarín), Alberto expón os seus debuxos nunha galería de arte e Emma, Jose, David, e Fran publican coas mellores editoriais.

Participei tamén nas charlas organizadas polas bibliotecas municipais adicadas a promover a lectura e o proceso criativo do cómic ós máis pequenos, este tipo de actividades e o Combate de Ilustradores (gañouno Xurxo) convocado pola Agpi saense do circuito habitual do festival e demostran que esto non morre.

Se cadra o que acontece é, como di Bernal no texto da exposición Panorama BD, que a sarna con gusto non pica. A foto que acompaña estas liñas é de Ricardo, del non me podía esquecer... moitas grazas a todos por facer que o traballo pareza vacacións.